Por fin hoxe día 22 de xaneiro, constituíuse a Mesa negociadora do II Convenio Colectivo de Contact Center, na que a CIG estará presente para trasladar a voz e defender directamente e sen intermediarios os intereses dos traballadores e traballadoras de Galiza.
O Convenio é a norma básica que regula as nosas condicións laborais: en materia de salarios, contratacións, horarios, despedimentos, etc., polo que entendemos que a vosa participación será decisiva ante a difícil negociación que teremos que afrontar.
Inicialmente a CIG e os sindicatos vascos ELA e LAB solicitamos a constitución de mesas negociadoras de ámbito galego, no noso caso, e vasco no deles, posibilidade que contempla a vixente lexislación e que nós defendemos. A proposta foi rexeitada pola Patronal.
Unha vez constituída formalmente a Mesa a nivel estatal, que estará integrada por CIG, LAB, ELA, CGT, CCOO e UGT, marcouse para o vindeiro día 12 de febreiro a primeira reunión de traballo.
Dende a CIG defendemos que o actual convenio precisa unha fonda, moi fonda revisión, que garanta o mantemento dos postos de traballo e unhas condicións dignas. O ámbito estatal caracterízase polos baixos salarios, a contratación precaria, a facilidade dos despedimentos ou xornadas laborais continuadas de ata 10 días. Nós defendemos outro marco: o galego.
En todo caso a Patronal aposta por manter centralizada a negociación para manter as precarias condicións laborais. Nós apostamos por outra vía, pero continuaremos representando os vosos intereses na Mesa negociadora estatal para tratar de avanzar, sabendo que non é o mellor marco para conseguilo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario