De cara ás vindeiras xornadas electorais do 28 de abril de 2019 (eleccións xerais) e 26 de maio de 2019 (eleccións municipais e europeas), elaboramos este breve documento para explicar os permisos a que teñen dereito as persoas traballadoras por conta allea.
Nesta materia, o termo “persoas traballadoras” aplícase tamén ao persoal funcionario ou estatutario ao servizo das administracións públicas.
No noso país, a administración competente para a execución da materia laboral é a Xunta de Galiza. Con ocasión de cada convocatoria electoral, a Consellaría de Emprego dita unha orde que concreta as medidas para facilitar o dereito a voto das persoas traballadoras, nos mesmos termos que con carácter básico regula o artigo 13 do Real Decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais. As ordes correspondentes aos procesos electorais de 2019 aínda non foron publicadas no DOG, mais o seu contido adoita ser sempre o mesmo. Por exemplo, esta orde é a correspondente ás eleccións xerais do 20 de decembro de 2015.
Que permisos me corresponden para ir votar?
- Se o horario de traballo non cadra co de apertura dos colexios electorais ou só cadra en menos de dúas horas: non tes dereito a permiso retribuído.
- Se o horario de traballo cadra entre dúas e menos de catro horas co de apertura dos colexios electorais: tes dereito a un permiso retribuído de dúas horas.
- Se o horario de traballo cadra entre catro e menos de seis horas co de apertura dos colexios electorais: tes dereito a un permiso retribuído de tres horas.
- Se o horario de traballo cadra en seis ou máis horas co de apertura dos colexios electorais: tes dereito a un permiso retribuído de catro horas.
Corresponde á empresa a distribución, segundo a organización do traballo, do momento en que as persoas traballadoras farán uso do permiso para iren votar.
As persoas traballadoras que realicen o seu traballo fóra do domicilio habitual, ou ben en condicións de especial dificultade para votaren, teñen os mesmos permisos que acabamos de indicar, mais non para votar o día das eleccións, senón para formularen persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo electoral e remitiren o voto por correo.
E se son membro dunha mesa electoral?
Se vas como presidente/a, vogal ou interventor/a a unha mesa electoral, tes dereito durante o día da votación a un permiso retribuído de xornada completa, se ese día non descansas. Ademais, tes dereito a unha redución da túa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior. Se vas como apoderado/a, tes dereito ao permiso retribuído o día da votación, pero non á redución de xornada do día seguinte.
Mudanzas de quenda: Se o presidente, vogal, interventor ou apoderado ten que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior á xornada electoral –isto é, a noite do sábado–, a empresa deberá mudarlle a quenda se así o solicita.
E se me presento eu ás eleccións?
O persoal ao servizo das administracións públicas (laboral, funcionario ou estatutario) que se presente como candidato ás eleccións poderá, previa solicitude, ser dispensado do traballo durante o tempo de duración da campaña electoral. Este dereito aparece recollido no artigo 13.5 do Real Decreto 605/1999, de 16 de abril, antes mencionado.
Non existe un permiso equivalente para o persoal do sector privado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario