28 de feb. de 2019

ERTE en Bosch: asembleas de persoal

Dende o Comité, con motivo o ERTE aplicado pola empresa para informar das accións realizadas polo Comité e acordar futuras actuacións, convocamos a todo o persoal a que participe nas asembleas que faremos nos centros de traballo:

  • Vg1: luns 4 de marzo, na sala de formación da planta baixa de 14:00 a 16:00 e de 16:00 a 18:00 horas.
  • Vg3.1: martes 5 de marzo, na sala de Conferencias na 5ª planta de 11:00 a 13:00, de 14:00 a 16:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

*Lembramos que a asistencia ás asembleas debe ser fora de horario laboral.


8 de marzo, MULLERES en FOLGA

A CIG convoca folga de 24 horas no marco do PARO INTERNACIONAL DE MULLERES que terá lugar o vindeiro 8 de marzo, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

Pincha aquí para máis información.

Por ti, por min, por todas! Fai folga e súmate ás mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista o vindeiro 8 de marzo!


VIGO: 12:00h Na Farola de Urzáiz

BUEU: 12:00h Diante do Concello (r/Eduardo Vicenti)

CANGAS: 12:00h Diante do Concello (Avda. Castelao)

MOAÑA: 12:00h Diante do Concello (r/ As Barxas)

TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)



27 de feb. de 2019

ERTE en Bosch: seguimos falando cos grupos parlamentarios


Continuamos coas reunións cos grupos parlamentarios, onte con En Marea e o PSdeG-PSOE.

Insistimos na importancia da sua implicación na defensa e mantemento dos postos de traballo en Vigo, fronte a deslocalización que está realizando Vodafone.




25 de feb. de 2019

ERTE en Bosch: acudimos aos organismos

Dende o Comité de Empresa de Bosch estamos mantendo reunións con grupos políticos e coa administración para que presionen para manter a campaña de Vodafone en Vigo. 

É de suma importacia a súa implicación na defensa e mantemento dos postos de traballo en Vigo fronte a deslocalización.

Hoxe mantivemos unha xuntanza  con representantes do grupo parlamentario do BNG, formación que reclamará á Xunta a súa implicación da Xunta para minimizar os efectos e non permitir esta posición prepotente da empresa.





O comité de Bosch impugnará o ERE temporal para 800 persoas en Vigo

O comité de empresa de Bosch, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, impugnará o ERE temporal para 800 traballadoras/es unha vez que o período de consultas rematou sen acordo. Ao mesmo tempo, a representación do persoal convocará asembleas en marzo para decidir outras medidas de presión contra a decisión da empresa de telemarketing.



13 de feb. de 2019

ERTE en Bosch, fin do período de consultas

Onte rematou SEN ACORDO o período de consultas do ERTE para os servizos de Vodafone. A día de hoxe non temos a acta preceptiva, nin a empresa facilitou os termos de aplicación do ERTE. Non sabemos cando, como e a quen pretende aplicar o Expediente. Bosch pretende agardar a ter novas previsións do cliente, superando o período legal de consultas.

Dificilmente se pode negociar e acordar o que se descoñece, a actuación da empresa vulnera o principio de boa fe na negociación.

Onte falaron de posibles medidas, pero sen pechalas á espera de noticias de Vodafone. Este Comité non ten garantías das medias que se aplicarán.

Carga traballo: A empresa recoñece que hai carga de traballo noutros servizos e pretende contratar persoal externo para cubrilos, xa que segundo eles hai persoal indefinido que non da o “perfil”. Unha fraude absoluta.

Vodafone Reclamacións: Pode que o persoal deste servizo quede excluído o do ERTE.

Vodafone Provisión:
  • Rescindirán a todo o persoal de ETT do servizo durante o mes de marzo e planificarán suspensións para o persoal de empresa dende abril ata xullo de 2019.
  • Realizarán planificacións de máximos, sen minorar o impacto previsto do ERTE. Din que non recibiron a confirmación de Vodafone dos volumes para os próximos meses. No caso de que a carga de traballo sexa maior ao planificado reduciranse os períodos de suspensión (que remedio).
  • Viñan solicitando voluntarios/as, para períodos de 15 días, 1 mes e 2 meses. Entendemos que si hai voluntarios non se atreverán a impoñer forzosos.

Vodafone HD:
  • Pechado o número de persoal voluntario (131 axentes e 34 soportes), indican que non é suficiente polo que precisan realizar mais suspensións (de máximos) conforme aos  criterios indicados na reunión anterior de produtividade e xornada.
  • O persoal voluntario so poderá ser suspendido polo período que indicou na solicitude.
  • Os períodos de suspensión poderían ser en días continuados, non coincidindo con vacacións ou días libres por festivo solicitados, nin tampouco con días de descanso semanal.
  • No departamento de 2N_MTTO, 2N_UCI (especiais) e 2N_RED, non se realizarán suspensións en maio, xuño e xullo. En 2N_PROV non se realizarán suspensións en xuño.

Hoxe mesmo temos solicitado da empresa que facilite os criterios de aplicación do ERTE, legalmente deberían telo facilitado na data de finalización do período legal de consultas, polo que xa estudamos medidas.

11 de feb. de 2019

ERTE en Bosch, sen avances

Na reunión de hoxe non se produciu ningún tipo de avance na negociación. A empresa informou que aínda non recibiron a previsión de volume de traballo por parte de Vodafone e que, de non recibila, esta tarde realizarán unha planificación de máximos para os próximos meses.

Con respecto as puntos tratados na última reunión:

  • Bolsa de emprego: crearán unha bolsa de emprego con todo o persoal de ETT de servizos de Vodafone que foi despedido dende decembro. No caso de aumentar o traballo irán contratando en función da produtividade que tiña o traballador ou traballadora, AHT e FCR no caso de FRONT e ratio no caso de 2N.
  • Rexeitan definitivamente calquera tipo de compensación económica ao persoal afectado polas suspensións, así como manter os días das vacacións ou non descontar os días de suspensión das pagas extras.

Se o venres non viamos avances na negociación, hoxe aínda menos. Maña, ás 13:00 horas, terá lugar a derradeira reunión do período de consultas e agardamos que a empresa, en aras da boa fe negociadora, mude a súa postura actual.

En todo caso para informar con detalle todo o que suceda, dende o Comité convocamos a todo persoal a que participe nas asembleas que faremos nos centros de traballo:


  • Vg1: martes 12 de febreiro, na sala de formación da planta baixa (Xoguetería) de 14:30 a 16:00 e de 16:00 a 18:00 horas.
  • Vg3.1: mércores 13 de febreiro, na sala de Conferencias na 5ª planta de 11:00 a 13:00, de 14:00 a 16:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

*Lembramos que a asistencia ás asembleas debe ser fóra do horario laboral

8 de feb. de 2019

ERTE en Bosch, reunión 8 de febreiro

Hoxe mantivemos unha nova reunión de negociación na que a empresa trasladou  as seguintes cuestións:

Duración do ERTE: a empresa reitera a súa proposta de finalización o 31 de xullo de 2019. Non consideran viable reducir este prazo, xa que tamén deben ter en conta a baixada habitual que os servizos teñen no mesmo período e rexeitan a proposta do Comité de reducilo polo menos un mes, ata o 30 de xuño; tal e como se falara nas  asembleas.

No servizos de Provisión e Reclamacións explican que aínda non dispoñen dunha vista definitiva por parte do cliente polo que non poden, neste momento, aportar nova información sobre as medidas nestes servizos. Indican que o luns agardan ter toda a información.

Onte publicouse un formulario para o persoal de HD, solicitando voluntarios e voluntarias para períodos de suspensión de 15 días, 1 mes ou 2 meses. Este formulario estará aberto ata o luns 11 de febreiro ás 10:00 horas. 

De non cubrir as necesidades coa voluntariedade, planificaranse as suspensións necesarias nos distintos departamentos, en base aos criterios de: produtividade, segundo os KPI’s do servizo nos meses de xuño a decembro de 2018, e xornada. A empresa indica que recolle a proposta trasladada polo Comité para intentar afectar o menos posible ao persoal con xornadas máis baixas, pero o primeiro criterio sempre será  por produtividade.

O persoal voluntario, no caso de que a carga de traballo continúe en descenso e se teña que valorar un posible ERE de extinción, serían os últimos afectados.

Bolsa de emprego: manifestan a súa intención de volver a contratar ao persoal despedido de ETT pero non a todo. Na vindeira reunión remitirán os criterios que consideran para que se inclúan na bolsa. Irían reincorporando persoal a medida que a carga de traballo o permita en función do desempeño que tiñan no servizo. Algo co que manifestamos a nos absoluta discrepancia.

Sobre as cuestións de complementos para o persoal afectado polas suspensión, así como manter días de vacacións e a prorrata de pagas extras reiteran que, de entrada, non sería asumible por parte da empresa, pero que volverán a valoralo unha vez teñan unha vista cuantificada da afectación.  

Por parte do Comité non vemos avances significativos na negociación e reivindicamos a nosa postura. Os traballadores e traballadoras non podemos ser os únicos que asumamos as consecuencias económicas desta situación. Se a empresa continúa sen modificar a súa postura vemos moi difícil poder chegar a acordo. A próxima reunión será o luns 11 de febreiro ás 13:00 horas.

Contamos con facer novas asembleas en Vg1 o martes 12 de febreiro e en Vg3.1 o mércores 13 de febreiro, informaremos de horas e salas no próximo comunicado.

6 de feb. de 2019

Comité de Empresa Bosch: Asembleas de persoal en Bosch

Para tratar con detalle a situación da negociación do ERTE na empresa dende o Comité convocamos a todo persoal a que participe nas asembleas que faremos nos centros de traballo:


  • Vg1: xoves 7 de febreiro, na sala de formación da planta baixa (Xoguetería) de 11:00 a 13:00, de 14:00 a 16:00 e de 16:00 a 18:00 horas.

  • Vg3.1: venres 8 de febreiro, na sala de Conferencias na 5ª planta de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas.
Pedimos desculpas pero debido ao calendario de reunións fixado coa empresa non nos é posible facer una asemblea o venres en horario de 14:00 a 16:00, polo que pregamos ao persoal que estea a partido acuda a asemblea do xoves en Vg1 de 14:00 a 16:00


*Lembramos que a asistencia ás asembleas debe ser fóra do horario laboral

31 de xan. de 2019

Comité de Empresa Bosch: ERTE en Bosch

O pasado martes iniciouse o período de consultas correspondente ao Expediente de Regulación temporal de Emprego iniciado pola empresa para os servizos de Vodafone e hoxe mantivemos a primeira reunión.

A empresa debería ter facilitado toda a documentación prevista na lexislación. Pola contra pasou documentación incompleta, contraditoria e sesgada. Entendemos que as causas NON están xustificadas e nin sequera facilitaron os criterios de selección do persoal afectado, mais alá do servizo ao que pertencen.

Pretenden aplicar, en base á unha previsión de baixada do traballo en febreiro, un ERTE que duraría todo o ano, propoñendo medidas para febreiro e sen explicar que medidas aplicarán o resto do ano. Xustifícanse dicindo que non dispoñen da previsión de carga de traballo por parte de Vodafone para os próximos meses e que incluso a Xunta de Galicia os avala neste senso. 

As medidas propostas para o mes de febreiro serían so de aplicación no servizo de Vodafone HD, afectando a case todo o persoal desta campaña, tanto axentes como coordinación, formación e apoios, excluíndo a capa de supervisión e apoios administrativos. O persoal afectado vería suspendido o seu contrato inicialmente entre sete e tres días marcados pola empresa. Dende o Comité non aceptaremos a imposición de medidas para as que puidera haber persoas voluntarias.

Para o resto do ano, nos din que xa se verá cando, como, a quen e por canto tempo suspenden os contratos e se aplican tamén a mesma medida en Provisión e Reclamacións. 

Dende o Comité de Empresa queremos chegar a un acordo, pero a situación coa que nos atopamos, dificulta que poida ser así. Si a empresa non cambia o paso, serán eles os únicos responsábeis da conflitividade que poida haber. 

A vindeira reunión é o 4 de febreiro, seguirémosvos informando.

16 de xan. de 2019

Comité de Empresa Bosch: Asembleas de persoal en Bosch

Como xa é coñecido as campañas que se levan en Bosch para Vodafone están atravesando un momento crítico, delicado e complicado.

O servizo de Vodafone HD é o máis afectado, onde se reduce de xeito considerable a carga de traballo en todas ás areas, segundo nos notifica a empresa arredor dunhas 18.000 horas menos no servizo. Esta situación leva a Bosch a ter que tomar a decisión de rescindir, no mes de febreiro o contrato de 60 persoas de ETT no servizo, sen descartar que o resto de persoal de ETT se poida ver afectado do mesmo xeito nos meses próximos. A empresa continua valorando outras medidas para evitar rescindir contratos do persoal de empresa.

No servizo de Vodafone Provisión tamén diminúe o volume de tarefas asignadas polo que a empresa tamén vai a proceder a finalizar o contrato de 29 persoas de ETT durante o mes de febreiro.

Cunha afectación menor, no servizo de Vodafone Reclamacións a empresa rescindirá o contrato de 4 persoas de ETT no mes de febreiro.

Tamén comunican o fin do servizo de Vodafone Microempresas para o 15 de febreiro, se ben o persoal deste servizo será recolocado nun novo proxecto comercial para Euskaltel.

En paralelo a situación dos servizos de Vodafone, a finais de decembro a empresa ADER comunica que decide rescindir a relación laboral con Bosch, un proceso que será regulado por un ERE interno na ETT. 

Para tratar con mais detalle a situación actual na empresa dende o Comité convocamos a todo persoal a que participe nas asembleas que faremos nos centros de traballo:

  • Vg1: luns 21 de xaneiro, na sala de formación da planta baixa (Xoguetería) de 11:00 a 13:00, de 14:00 a 16:00 e de 17:00 a 19:00 horas.
  • Vg3.1: martes 22 de xaneiro, na sala de Conferencias na 5ª planta de 11:00 a 13:00, de 14:00 a 16:00 e de 17:00 a 19:00 horas.


*Lembramos que a asistencia ás asembleas debe ser fóra do horario laboral

4 de dec. de 2018

Xa se pode reclamar o IRPF pola prestación de maternidade/paternidade na Axencia Tributaria

A Axencia Tributaria ven de habilitar unha sección a través da cal poden solicitar as devolucións do IRPF aquelas persoas que cobraron prestación por maternidade/paternidade  durante os anos 2014 e 2015 (para quen a cobrou en 2016 ou 2017 habilitarán o trámite a parte de Xaneiro de 2019). 

Podedes acceder ao trámite na seguinte ligazón, indicando o ano de reclamación  e o número de conta de titularidade da persoa, acreditándose co mesmo método que se esixe para realizar a declaración da renda (vía pin, mediante o servizo REN0 ou por certificado dixital): 

https://www.agenciatributaria.es/AEAT.internet/gl_es/Inicio/La_Agencia_Tributaria/Campanas/_Campanas_/Prestacion_maternidad/Prestacion_maternidad.shtml

22 de nov. de 2018

Un café coa CIG: Asembleas para o persoal de BOSCH

Pola presente, dende a Sección Sindical da CIG en Bosch, convidamos a todo o persoal que traballe en Bosch, tanto de empresa coma de ETT, a participar nas asembleas de persoal que convocamos dende a CIG.

Para nós é imprescindible que nos trasladedes tanto as vosas reclamacións, coma dúbidas ou calquera outra cuestión que consideredes oportuna.

Onde serán as asembleas? No local da CIG en Vigo, na rúa Gregorio Espino 47 baixo
Cando? O mércores 28 de novembro de 2018, en dúas convocatorias:
  • Pola mañá dende ás 11:00 ata ás 13:00 horas
  • Polo serán dende ás 17:30 ata ás 19:30 horas

Animámosvos a participar! 


26 de xul. de 2018

Ampliación do permiso de paternidade

Cal é a duración do permiso por paternidade? é o mesmo ca o permiso por nacemento de crianza?


Se falamos do permiso de paternidade retribuído e xestionado na Seguridade Social (artigo 48.7 do E.T.), desde o 5/07/2018, a suspensión do contrato será de 5 semanas ininterrompidas (agás a última que poderá gozarse dentro dos 9 meses seguintes) en caso de nacemento, adopción ou acollemento; ampliábeis no caso de partos múltiples en 2 días máis por cada fillo/a a partir da/do 2°, para todos os proxenitores, con independencia de que o nacemento, adopción ou acollemento teña lugar nunha familia numerosa, ou cando a familia adquira a devandita condición por este feito, cando na familia haxa unha persoa con discapacidade, ou nos caso de nacementos de crianzas con  menos de 1,5 quilos. A este permiso sumariámoslle 2 días (4 se ten que desprazarse) polo nacemento do fillo ou filla tal e como recolle o E.T. (nalgúns convenios este permiso é incluso de 7 días) que corren a cargo da empresa.



Boletín sindical Nº21

Xa está dispoñible unha nova edición do boletín sindical da CIG que podedes consultar no seguinte enlace: Boletín Sindical nº21


14 de maio de 2018

O 17 de maio FOLGA en Bosch!

Ao longo dos últimos anos en Bosch participamos activamente en diversas campañas reclamando o dereito á atención en galego como medida contra a deslocalización do traballo cara a América Latina por parte das operadoras, o 20% do emprego do sector se atende dende estes países.

Dende a CIG sempre reclamamos o valor engadido do galego na atención por teléfono. Garantir o dereito da clientela de todas as empresas a ser atendida en galego implica crear de postos de traballo e garantir maior estabilidade do emprego nos Centros de Chamadas en Galiza

En Bosch recollemos máis de 1500 sinaturas de apoio a ILP, que neste senso, presentou A Mesa pola Normalización, tumbada no Parlamento Galego polo PP con Feijóo á cabeza.

Ademais, maila ser festivo, a empresa quería que traballaramos sen pagarnos o correspondente plus. Quizais agardan a que cando a Xustiza falle a sentenza chegará tarde, polo retraso actual, e non será efectiva.

Ante esta situación seguimos dando a batalla e temos convocada unha xornada de folga de 24 horas para o xoves 17 de maio.

Participa na manifestación o día 17 de maio ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela. Na web www.queremosgalego.gal indicaranse os horarios e prezos dos buses que se porán ao dispor de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela




27 de abr. de 2018

1º de maio: pola recuperación dos nosos dereitos

Durante os últimos anos vimos sufrindo continúas reformas laborais que recortan dereitos e precarizan cada vez máis as condicións laborais.

Ao persoal dos Centros de Chamadas esta situación non nos é descoñecida. Levamos anos pelexando contra unha patronal cada vez máis cacique que non para de lucrarse e aumentar beneficios a costa do noso esforzo e dos nosos dereitos.

Ante este escenario non nos amedrentamos, saímos a rúa e fixemos folgas para reclamar o noso, a ter un salario digno, a poder conciliar a nosa vida persoal e laboral, a manter os postos de traballo no noso pais en contra da deslocalización, a garantir o acceso a unha carreira profesional, ao recoñecemento ao traballo que facemos sen presións nin abusos, etc...

A situación actual con traballos cada vez máis precarios e con salarios baixos non só é unha cuestión que nos afecta agora, senón que tamén nos vai a afectar no futuro.

Queren facernos ver que as persoas que hoxe cotizamos, mañá non cobraremos pensións. Si nos convencen poderán quitárnolas. Con contratos a tempo parcial, salarios de merda e períodos de desemprego alternados con traballo precario, non é posible aforrar para facermos un plan de prensións privado como pretenden. Hoxe estamos cotizando para poder cobrar mañá, temos que saír a defender o noso dereito futuro.

MANIFESTATE coa CIG, pola defensa dos nosos dereitos, o 1º de maio ás 12:00 na Dobrada


20 de abr. de 2018

O xulgado é claro, secundar unha folga non é absentismo

Os plans de incentivos implantados en algúns servizos da empresa, noutros nin sequera merecen para a empresa tal consideración, pretenden motivar ao persoal con máis cartos por acadar os obxectivos marcados, pero sabemos que a realidade é outra.

Aínda que nun mes superes os obxectivos fixados: se colles unha gripe, te mudas do teu domicilio, casas ou un familiar cae enfermo e ingresa no hospital, a empresa determina que perdes os incentivos.

Neste senso, a dirección de operacións da empresa decidiu que se o persoal secundaba unha folga esta situación tería a consideración de “non presentismo” , (son únicos para inventar conceptos), polo que tamén afectaría á hora de computar o absentismo para o cobro de incentivos.

Tras denunciar esta situación en varias reunións coa empresa sen chegar a un acordo, a nosa delegada da CIG, Lourdes Castaño demandou á empresa no xulgado.

Agora, o xulgado do social de Vigo estima a demanda presentada pola CIG contra Bosch. Literalmente a sentenza afirma que: “O dereito de folga é un dereito fundamental recoñecido no artigo 28 da Constitución Española, polo que as limitacións ó seu exercicio, incluídas as indirectas como pode ser a perda de conceptos retributivos como consecuencia do seu exercicio deben ser interpretadas restritivamente”.

Sobre a sentenza non cabe recurso de suplicación polo que a empresa ten que deixar de aplicar inmediatamente este tipo de medidas que atentan contra os dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores, ademais esiximos á empresa o abono dos incentivos impagados inxustamente.


Se tes algunha dúbida ou consulta fala cos representantes da CIG en Bosch ou ben podes remitila a través dos nosos canles de comunicación:



18 de abr. de 2018

Boletín Sindical Nº17

Xa está dispoñible unha nova edición do boletín sindical da CIG que podedes consultar no seguinte enlace: Boletín Sindical nº17